Fortaleza de San Paio de Narla

Na Idade Media, as familias Ulloa, Parga e Seixas repartíronse o poder. Desta época perduraron numerosas construcións como pazos e torres: Torre de Friol, Torre de Miraz, Pazo de Remesil, Pazo de Trasmonte e Fortaleza de San Paio de Narla. Dás xa mencionadas, é preciso destacar a Fortaleza, xa que marcou a traxectoria dos friolenses desde o medievo ata case fai cen anos. 

Os primeiros documentos que fan referencia a este lugar remóntanse ao século XIV, e xa fora citado no ano 1350.

Foi edificada no século XIV e remodelada no XVI debido aos estragos provocados pola revolta dos Irmandiños. Ou seu señor, promotor desta obra e quizáis ou seu morador máis coñecido, foi don Vasco dás Seixas. Gobernaba xunto con outras catro liñaxes toda a provincia lucense, polo que podemos determinar que Friol era unha das capitais administrativas dá época.⁠

No século XVIII cambiou de propietarios, pasando a mans da familia Campomanes, que habitaron e reformaron a fortaleza, e a finais do século  XIX foi vendida novamente á familia  Novo. Estes propietarios vendérona de novo a unha persoa que pretendía derruila para reutilizar a pedra. Por iniciativa do director do Museo Provincial de Lugo, Manuel Vázquez Seijas, a Deputación Provincial de Lugo adquiriuna en setembro do ano 1939.

Esta fortaleza permaneceu varias décadas sen uso algún, ata que no ano 1983, o arqueólogo Felipe Arias Vilas converteuna na sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo.

A actual edificación está composta pola torre da homenaxe, o corpo central e o torreón: elementos que abranguen dende o século XVI ao XIX. A maiores hai unha pequena igrexa exterior.

A planta baixa formada polo patio, as cortes e a adega, acolle unha colección de útiles de traballos agrícolas, diversos obxectos de equitación e ferramentas para o tecido da la e o liño. A planta primeira componse dunha cociña, un salón e outras estancias nas que podemos ver obxectos artísticos, mobiliario e enxoval doméstico. Desde a última planta, onde destaca unha cheminea renacentista, pódese acceder ao almeado e contemplar o contorno da fortaleza. A capela, do século XVIII, separada do edificio principal, ten planta cadrada con tellado a catro augas. Destaca no seu interior un retablo do século XIX.



🚩 Localización:

Parroquia: Xiá (Santa María)

Lugar: A Castronela

27227  Friol - Lugo

Teléfonos: +34 982 375 156 / +34 982 240 280

 Coordenadas: 43º 00' 24.9" N - 7º 49' 14.9" W

Ben de Interese Cultural


Xantar de Vagar en Terras da Mariña

Dentro da campaña “Come Local” levada a cabo por Slow Food Compostela para a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), celebraranse unha serie de eventos gastronómicos pensados para poñer en valor os produtos galegos con certificado de calidade: D.O.P. (Denominación de Orixe Protexida), I.X.P. (Indicación Xeográfica Protexida), D.O. (Denominación de Orixe), I.X. (Indicación Xeográfica) e produtos ecolóxicos de proximidade, como ferramentas de trazabilidade e transparencia para resaltar a orixe do produto.

Unha das iniciativas que se levará a cabo, será un pequeno roteiro chamado “Xantares de Vagar”, no que se evocará as catro tempadas gastronómicas e que percorrerá as catro provincias galegas. Comezarán en Barreiros (Lugo) onde se evocará os alimentos da primavera.

Contarán "in situ", en cada un dos xantares, cunha experta en Seguridade Alimentaria, Elena González, que se asegurará do correcto cumprimento do protocolo establecido polo Ministerio que hai que seguir neste tipo de acontecementos.


#comelocal   #eatlocal   #galiciacomelocal #35experienciasgalegasdecalidade #xantaresdevagar #SlowFood #SlowFoodCompostela 


Galicia, terra de Oliveiras

A oliveira era unha árbore que, tempo atrás, era abundante en Galicia. As súas orixes remóntanse á época dos romanos, que o introduxeron na Ribeira Sacra e logo ao resto da Comunidade. Foi cos Reis Católicos, no século XV, cando se fixou un imposto de catro reais por oliveira, motivo que os condenou á tala e á súa case total desaparición da paisaxe galega. 


Existen varias teorías que deron lugar a este feito:

- Que os impostos os subeu o Conde de Olivares empeñado en beneficiar os seus territorios nas inmediacións de Sevilla. 

- Que foron os Reis Católicos os que mandaron cortar todas as oliveiras pra construír os barcos da Armada Invencible.

- Que os Reis Católicos, en vinganza polos acontecementos Irmandiños dentro do que se coñece como "Doma e castración de Galicia", gravaron fiscalmente as oliveiras pra beneficiar a repoboación dos territorios conquistados no sur peninsular.   

Soamente sobreviviron en lugares recónditos da Ribeira Sacra e nas serras, donde escaparon do control da Facenda Pública. Lugares coma Quiroga,  conseguiron manter os seus olivos e, a día de hoxe, continúan organizando a Feira do Aceite que ano tras ano reúne aos produtores e a moitos consumidores que veñen do resto de Galicia, e de España". Esta coñécese co nome de "Feira do Aceite de Bendilló"; nada no ano 2000, nela elabórase aceite puro de oliva nun muíño de aceite restaurado.


As oliveiras tamén se mantiveron nas proximidades dos templos, porque a Igrexa foi exonerada do pago do imposto, debido a que o aceite empregábase na elaboración dos santos óleos.

As oliveiras galegas máis antigas, están en Arbo e datan de 1796. Son unha variedade autóctona que procesa aceite de alta gama. O exemplar galego, é diferente do de outras latitudes: o daquí precisa moita auga, non coma o andaluz. É máis pequeno, de tronco menos groso e froito pequeno.

Fonte: Diario de Pontevedra
Cinco séculos despois, os olivares volven con forza a ocupar o seu lugar no campo galego. A empresa Abril, dedicada ó envasado de aceite andaluz, e a Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia, promoveron a recuperación do cultivo da oliveira en Galicia, concretamente na zona da Estrada, como forma de aproveitamento de superficies agrícolas abandonadas. O obxectivo é a produción dun aceite ecolóxico elaborado integramente a partir de olivas galegas.

A modo de curiosidade, as oliveiras galegas son unha variedade específica non catalogada no banco de xermoplasma das 242 variedades da Universidade de Córdoba.

Como posible consecuencia daquela presenza das oliveiras en Galicia, está a abundante toponimia derivada: Oliveira é nome de lugares da Arnoia e Poio e parroquia de Ponteareas; A Oliveira é nome de lugares de Corcubión, Gondomar, Ponteareas e Vigo. Tamén Olveira, lugar de Teo e parroquias de Dumbría e Ribeira; A Ponte Olveira é lugar de Mazaricos; e O Alto de Olveira é un lugar de Porto do Son. Olives é nome dunha parroquia da Estrada. En Ribadavia existe unha igrexa do século XII denominada de Santa María de Oliveira

Lugares coma Vigo, teñen unha oliveira no seu escudo. É coñecida coma a cidade olívica porque antigamente, este territorio estaba cheo destas árbores. Fai xa 2.000 anos, en terrenos da cidade, coma a zona de Teis, descubríronse ruínas de instalacións da época para a fabricación de aceite.

Á parte disto, a oliveira está presente en toda Galicia mediante exemplares soltos que medran xunto ás igrexas e algunhas casas nobres. Entres estes, destacan tres exemplares clasificados como árbores senlleiras de Galicia:

A oliveira do Paseo de Alfonso XII, en Vigo (Pontevedra).
As oliveiras do cemiterio de Adina, en Padrón (A Coruña).
A retícula de oliveiras do Pazo de Santa Cruz, en Vedra (A Coruña).

Oliveira en Vigo, no paseo de Alfonso XII

En Compostela tamén temos o noso exemplar de oliveira. Está no casco histórico e, curiosamente, atópase na praza da Oliveira á que se chega por unha ruela que leva o mesmo nome.



Lugares pra ir con bebés. A Alameda de Compostela.

Non é o mesmo moverse con nenos que xa andan por si mesmos, que moverse cun bebé que vai en silla de paseo. Por iso, escribo este post, xa que eu creo que é algo que condiciona bastante á hora de moverse e máis cando se viaxa. 


Esta semana funme co pequecho, que agora ten 1 ano, á Alameda de Compostela. Entre outros motivos, temos que se asemella a un minizoo no cal os máis miudos interactúan con uns cantos patos e cisnes acostumados á xente. E se lles das algo de comer, serán os teus mellores amigos sen dúbida.


Entrando polo paseo da Ferradura,  uns pasos máis adiante, está un dos miradores máis famosos de Santiago, xa que dende el se divisa perfectamente a Catedral e o Centro Histórico. Sentados no banco que está alí para tal fin, puidemos contemplar as espectaculares vistas mentres comíamos uns gusanitos. 



Continuando co noso percorrido, chegamos ao mirador do Campus sur dende o cal un alcanza a ver ata máis alá dos límites da cidade. Un lugar totalmente recomendable para disfrutar dos solpores, por exemplo.


Chegando á Igrexa do Pilar, hai un par de edificacións que gardan unha historia. Ámbalas dúas se fixeron pra a Exposición Rexional Galega de 1909. Ocupaba 30.000 metros cadrados, urbanizou os terreos do que máis tarde sería o Campus Sur. O Pavillón de Recreo Artístico e Industrial (foto da dereita), ten unha historia longa e variopinta: en 1910 montouse nel o cinematógrafo. Proxectáronse películas polo menos ata 1915. Posteriormente pasa a ser propiedade do Concello, que o destina, logo de reformado, a Laboratorio Químico Municipal. Tivo moitos máis usos, que, en parte, desfiguraron a traza inicial de Antonio Palacios. Foi ata cuartel da Falange ata converterse, hoxe, nunha escola infantil.


Preto daquí, atopámonos co palco da música (1896), e xusto ao carón, un banco moi especial: o banco máis famoso da Alameda Compostelán. É o coñecido coma "banco acústico", "banco sonoro", ou "banco dos namorados" (1916). O seu deseño e especial ubicación, así coma a orientación, facilítanlle a curiosa propiedade de transmitir moi ben o son dun extremo ao outro. E se non comprobádeo por vos mesmos, a verdade é que hasta custa crer o ben que se escoita.

Un pouco da historia de Compostela que vemos a diario mentres paseamos pola cidade, pero que moitas veces nin coñecemos.

Galizeando en familia. Un paseo pola Costa da Morte.

Este domingo tocou galizear en familia pola Costa da Morte, unha viaxe que facía tempo que nos apetecía facer pero que tivemos que pospoñer ata que Nicolás fora un pouquiño máis grande. Así que, alá nos fomos os tres! Teño que dicir que é unha das partes de Galicia que conta cunhas das paisaxes máis espectaculares, así que foi un día moi intenso no que non deixabamos de visitar lugares. En conclusión, moito para o pequecho que se nos acabou mareando. A próxima vez menos coche e máis andar, aínda que para iso teremos que esperar algo máis.


Saímos (non moi cedo) pola mañá cara a Muxía, a 1h e 10 min. aprox. de Santiago de Compostela. Alí queríamos comer e visitar o famoso santuario da Virxe da Barca. Cando se ten un neno pequeno un xa non pensa en ir ao mellor restaurante, ao máis barato ou ao máis bonito. Nós soamente queríamos o máis tranquilo, é dicir, que non houbera moita xente para que nos puideran atender ben, e tamén porque con un bebé un non pode botar nel todo o tempo do mundo. Así que entramos no Pedra D´Abalar (un dos primeiros que nos atopamos despois de aparcar) e foi todo un acerto, xa que máis tranquilos e mellor atendidos non puidemos estar. Logo tocou visita ó santuario. Alí puidemos ver o estado no que se atopa actualmente despois daquel raio que casi o destrúe por completo. Moi bo ambiente e moita xente na "Pedra dos Cadrís" a cal é famosa porque se lle atribúen algunhas propiedades curativas. Créese que si se pasa nove veces por debaixo dela, cúranse as enfermidades de riles, de costas e de cabeza.



Dende Muxía víamos o Cabo Vilán e decidimos ir ata alí xa que había soamente un pouco máis de media hora en coche. As vistas tiñan que ser boas, así que non o pensamos moito. De camiño pasamos por Camariñas pero xa non paramos para non perder moito tempo. Unha vez en Cabo Vilán non puiden evitar quedarme sorprendida pola inmensa piscifactoría que se atopa ós pés do mesmo. Quen puido autorizar semexante cousa? Se alguén o sabe por favor, que mo diga. Ademais estamos falando dun espazo dentro da Rede Natura. Logo entereime polo meu marido, que é xeógrafo e desto sabe bastante, que era dunha compañía chamada Stolt Sea Farms e que vertían as súas augas no mar. Dende logo o impacto paisaxístico é tremendamente negativo, e se non mirade a foto.


Cabo Vilán, espectacular!! Podo dicir que das mellores vistas en moito tempo. Un sitio que recomendo que visitedes polo menos unha vez na vida. Se non ollade a fotografía. Cada pouco tempo tiñamos que parar para volver a velo xa que a pouco que te movías, o ángulo cambiaba e a paisaxe era outra.


Despois de visitalo, decidimos continuar ata o Cemiterio dos Ingleses que estaba moi preto, a 25 minutos máis ou menos. Así que alá fomos! Nicolás ía tranquilo, polo que non lle demos máis voltas. Inciso: de camiño atopámonos co mellor banco de Galicia, que digo de Galicia, do mundo jaja. Si é que Galicia váisenos a inundar de bancos con vistas como sigamos así.


Unha vez que chegamos, baixei con moita ilusión posto que era un lugar do que oíra falar moito e apetecíame coñecelo. Para servos sinceira, desilusionoume bastante, non me esperaba o que me atopei. Era soamente un recinto pechado que á súa vez tiña outro recinto tamén pechado dentro, ademais dunha placa conmemorativa. O mellor sen dúbida, o enclave. Sen embargo, o curioso do lugar foi un conxunto de pedras apiladas que se perdían ó lonxe. Se alguén sabe porque están alí, que mo diga porque a verdade é que me quedei un pouco sorprendida.




Durante a ruta, teño que engadir que a Costa da Morte ten unhas praias IMPRESIONANTES (e iso que eu son das Rías Baixas, que outra cousa non teremos alí, pero praias unhas cantas). Está claro que o de que non teñan moita xente e a forte oleaxe axudan a que se manteñan así de ben. Ademais, trátase dun espazo natural protexido. A Enseada do Trece, xa famosa porque nela foi onde naufragou o Serpent no 1890, ten uns areais de infarto.


O neno tiña que merendar así que dirixímonos a Camelle por dous motivos: un, porque estaba preto, e dous, non o coñecíamos. O meu marido falábame dun tal Man, que resulta que era un artista alemán que facía esculturas, e que nunha viaxe a Camelle decidíu quedarse a vivir alí. Din que morreu de pena cando o fuel do Prestige danou as súas obras. Pareceume moi curioso a verdade. 



Na foto vedes a casiña na que vivía (agora xa case derruída) e tamén algunhas das estatuas que fixo. En resume: día longo e estábamos a hora e media de Santiago. Merendamos, visitamos a casa de Man e tiramos millas para a capital posto que o pequecho estaba algo mareado e nós bastante cansados de tanto coche. Conclusión: volveremos! Queda moito por ver e as paisaxes valen a pena. Próximamente máis posts da nosa familia facendo turismo por Galicia.

Recunchos da outra Compostela

Cando un pensa en Santiago de Compostela, o primeiro que lle ven á cabeza é a Catedral, o Obradoiro, o Franco ... en xeral, o casco histórico da cidade. E non é para menos, que somos Patrimonio da Humanidade!! Pero neste post quero compartir con todos vós algúns lugares da zona nova, sobre todo da zona coñecida coma o Ensanche, que na miña humilde opinión, merece tamén a pena, nuns casos pola historia que gardan detrás, noutros pola súa orixinalidade. Preparados? Comezamos!!

1. Por sorprendente: este xardín interior na rúa García Prieto. De casualidade un día xirei a cabeza e vin esta marabilla agachada ó carón dun dos edificios. A verdade é que merece especial mención nestes recunchos.

 2. Pola súa orixinalidade: Obelisco do Campus Sur. Elaborado en aceiro corten e feito por Ignacio Basallo. Na outra fotografía, e xusto ao carón de dita estatua, temos os edificios-vela deseñados polo arquitecto César Coll. Un pouco de modernidade para aqueles que nos gusta ver algo diferente de vez en cando. E non nos olvidemos dos amantes da arquitectura. 


3. Pola súa conservación: Casa de Europa. É unha residencia universitaria destinada ao aloxamento de profesores invitados e visitantes procedentes doutras universidades do mundo que acoden a Santiago de Compostela. A Finca Simeón (máis coñecida como Finca Vista Alegre) pertenceu a unha importante familia de banqueiros da cidade co mesmo nome. Os seus 36.000 metros cadrados recollen toda clase de especies arbóreas coma laranxeiras, maceiras, camelias, cipreses, palmeiras, aciñeiras, araucarias, salgueiros e unha fermosa carballeira. Para os amantes dos paseos, conta con itinerarios peonís e pódese percorrelo en bicicleta.


4. Pola súa importancia: Antiga Estación de Cornes - Hoxe Casa das Asociacións. Sita na Rúa Manuel Beiras, moitos pasabamos por aquí descoñecendo a orixe deste emplazamento. Resulta que aquí estaba a antiga estación de tren de Compostela. A súa historia comeza o día 15 de setembro de 1873 cando se inaugura a primeira liña ferroviaria de Galicia: Cornes-Carril (un traxecto de apenas 42 quilómetros) construída por The West Galicia Railway Company, empresa británica cuxo primeiro xerente foi Camilo Bertorini. Curiosamente este era bisavó materno de Camilo José Cela. O 14 de abril de 1943, RENFE pechou a estación de Cornes e abriu o actual edificio na rúa do Hórreo. Hoxe en día, entre outras cousas, os servizos que ofrece son: fondo biblio-vídeo-gráfico, zona de estudo, lectura e prensa, zona wi-fi, salas de reunións e salóns multiusos.

5. Pola súa situación: Parque de Eugenio Granell (ou do Paxonal). Un dos meus lugares preferidos da cidade, tanto para pasear como para facer algo de exercicio. Atópase na zona de Ponte Pedriña, moi preto do Hipercor e, polo tanto, lonxe do centro da cidade. Apto para aqueles que queiran desconectar un pouco, entre outras cousas, do ruído das obras e como non, do dos coches. Estos días podemos disfrutar dunhas estatuas moi singulares e orixinais feitas pola escola de canteiros de Poio e que se atopan ó longo da senda peonil do Sar, da cal forma parte este lugar. 

Fonte: Santiago Turismo

6. Polo seu luxo e atractivo: A Rosaleda (Rúa da Rosa). Zona residencial proxectada por Jenaro de la Fuente dentro da expansión do Ensanche coma unha especie de cidade xardín (cada casa ten unha zona verde). Un non pode evitar cotillear cando pasa polos impresionantes chalés que forman parte da mesma. Pertencen a familias moi coñecidas de Santiago que viven nelas. Ningún está á venda (que se saiba). Para os máis curiosos, hai 24 chalés independentes e media ducia de pareados. E a modo de curiosidade: todos datan dos anos corenta e os promotores foron Jesús M. Balboa e o histórico galeguista Manuel Beiras, pai do BNG, que acabou residindo aquí.


7. Pola súa arquitectura de tipo rexionalista: Tenencia do Hórreo (actualmente rúa de López Ferreiro). Parte do Ensanche Antigo, está formado por corenta chalés encostados situados entre as rúas de Curros Enríquez, López Ferreiro e Eduardo Pondal, e deseñados polo arquitecto Rodríguez Losada en 1929. Tenencia do Hórreo é o nome co que se coñeceu a esta rúa desde a Idade Media ata que decidiron poñerlle López Ferreiro, que é como se chama hoxe. Unha cooperativa construeu ó final desta rúa, unhas vivendas chamadas "casas baratas". A verdade é que lle dan un sentido á arquitectura da zona outorgándolle certa homoxeneidade.


8.  Pola súa repercusión mediática: Edificio Modernista, na rúa do Pombal 32. Este espertou o interés de Iker Jiménez, o presentador de Cuarto Milenio, o cal tratou de averiguar a historia que escondía dito lugar asegurando tamén que estaba embruxado. É un dos edificios máis olvidados de Compostela sin lugar a dúbida. A casa foi construída no ano 1917 polo arquitecto Jesús López de Rego para o promotor e escultor compostelán López Pedre. Fai anos foi comprada por un matrimonio maior, os cales din que "tódolos días veñen unhas quince ou vinte persoas a facerlle unha foto". 


9. Pola súa repercusión histórica: Castelo da Rocha Forte ou dos Churruchaos. Sito en Conxo, foi o escenario de destacados feitos da historia Compostelana e un símbolo do poder señorial do arcebispo de Santiago e a opresión exercida sobre os habitantes das terras pertencentes ao señorío. Gran parte do xacemento foi destruído na construcción da vía do ferrocarril, a cal o atravesa hoxe en día. Construído no ano 1240, a Rocha convírtese no século XV nun edificio odiado e temido polos labradores da zona. 
Arriba, restos da fortaleza. Abaixo, posible reconstrucción. Fonte: Wikipedia

Durante as décadas de 1450 e 1460, os soldados do arcebispo, agrupados no destacamento da Rocha, roubaban o gando, secuestraban labradores e violaban mulleres. As denuncias quedaron rexistradas para o futuro no Libro do Concello de Santiago. No ano 1467 destrúese definitivamente con ocasión da Gran revolta irmandiña iniciada no ano 1466. 
                                                                                                                      
10. Pola lenda que agochan: As Casas de Ramírez. Son unha serie de edificacións para obreiros levantadas nos anos 40-50 construídas en terreos agrícolas ás aforas de Santiago. Pero o interese polas mesmas, está na tráxica historia que hai detrás. "O 25 de abril de 1718, o estudante de artes Manuel Joseph Ramírez de Arellano e Sotomayor, de familia adiñeirada e apelidos compostos,  camiña na madrugada por un escampado na zona coñecida como Agros da Carreira, unha zona de labradío que non queda de paso a ningunha parte. 
Agros da Carreira. Fonte: Memorias de Compostela
No lugar onde hoxe se levanta a igrexa de San Fernando, fronte ao antigo Peleteiro, Ramírez detense preocupado. Manuel mira con desconfianza aos lados, medorento de que o estean observando. Por fin, o estudante divisa entre a néboa formas humanas que aumentan de tamaño segundo se achegan. A luz da lúa reflíctese no fío do puñal segundos antes de que o aceiro lle atravesase o peito ao estudante, que cae de xeonllos, ensartado e desconcertado. O sangue de Ramírez abona a terra que pisa"

Casas de Ramírez, moi preto da Praza Roxa
Dona Isabel de Sotomayor chorará amargamente o resto da súa vida ao seu fillo e encargará a un dos mellores canteiros, que levante un cruceiro no mesmo punto onde o seu fillo atopou a morte. E onde está hoxe o verdadeiro cruceiro? Pois lonxe de alí. Exactamente, na praza de San Fiz de Solovio, fronte ao pub A Radio. Fai pouco, Agros de Ramírez recuperou un cruceiro copia do orixinal, feito en cemento e pagado polos veciños.
A primeira fotografía corresponde ó cruceiro orixinal, ó caron de Xeografía. A segunda é a réplica en cemento, moi preto da Praza Roxa.


Por último, quería dedicar este post ó meu fillo Nicolás que, recentemente, chegou á nosa vida converténdose, dende ese momento, no noso compañeiro de viaxe.

7 curiosidades da Noite de San Xoán

Xa chega San Xoán!! E o número sete convírtese no seu protagonista: sete herbas, sete saltos sobre o lume, beber de sete fontes, recibir sete ondas do mar. Pero, por que este número? É o número máxico por antonomasia e simboliza os graos de perfección. O número sete -dixo Hipócrates- polas súas virtudes ocultas, tende a realizar tódalas cousas; é o dispensador da vida e fonte de tódolos cambios, pois incluso a lúa cambia de fase cada sete días. Para non romper a maxia, este ano déixovos un post tamén con SETE curiosidades sobre esta festa tan arraigada na nosa comunidade. Comezamos!!


Curiosidade 1. Os celtas chamaban Alban Heruin a esta festividade; o seu significado era o de celebrar o instante no que o Sol se achaba no seu máximo esplendor, cando duraba máis tempo. A partir de aquí, os días vanse facendo máis cortos ata o solsticio de inverno.

Curiosidade 2. O baño de medianoite. Ás doce en punto, si nos bañamos no mar ou nos lavamos en fontes milagreiras ou santas, serviranos de remedio para case calqueira mal, xa que estas aumentan neste día e a esa hora as súas propiedades.

Curiosidade 3. Si a medianoite se fai unha cruz nas árbores, estes producirán o dobre de froito.

Curiosidade 4. Se tes parella e queres saber se te casarás con ela, debes por un bol con auga e dúas agullas. Se as mesmas se xuntan ao final da noite, a resposta será un si.

Curiosidade 5. Lavarse a cara, pero sin mirarse ao espello. En algúns lugares a tradición di que hai que lavarse a cara xusto a medianoite. Pero hai que ter en conta que si te miras ao espello despois de facelo, o feitizo non funcionará.

Curiosidade 6. Hai sete prantas que non poden faltar na elaboración das famosas herbas de San Xoán: 

- O fiúncho ou hinojo. Herba de obriga, corre os malos espíritus e é especial contra o mal de ollo.

- O fento macho ou helecho. É un fento velenoso. En xeral é un antiparásito.

- O codeso. É un arbusto sagrado para os galegos. Utilizábase para facer vasoiras e varrer a casa dos malos espíritos.

- A abeloura ou herba de San Xoán. Empregábase na menciña tradicional coma cicatrizante, adstrinxente e antiséptica. O refraneiro di que "A herba de San Xoán limpa a cara de grans".


- A malva común. Serve contra a bronquite, afeccións dixestivas, nervios, etc. O refrán di "Cun horto e un malvar hai menciñas para un fogar".

- O romero ou romeu. Crese que é a herba que realmente protexe e purifica os fogares galegos por excelencia.


- A herba luisa. É unha herba especial para os amoríos. 


Tamén se empregan como herbas de San Xoán: Deladeira, Trobisco, Espadana, Artemisa, Macela, Herba punteira, Roseira brava e moitas máis.

Follas de Sabugueiro, Nogueira, Amieiro, Hedra, Carballo, Visgo.

Outras herbas son: tomiño, folla de cana, ruda, hortelá, mentraste, estraloque, herba lemona, ourego, loureiro, verxebán, allo, herba do Carme, silveira, folla de figueira, folla de umeiro, folla de laranxeira, hortensia, folla de viña branca, arzais, rosas de nabo, ágramo, herbas de san Pedro; rosas de sábrego; poutas de lobo, follas de castiñeiro e árnica falsa entre outras.

Árnica falsa ou flor de San Xoán

A preparación chámase "facer o cacho" e consiste en coller auga de sete fontes. Hai que deixalas á intemperie, que lle caia o orballo, durante a noite. Á mañá seguinte lavámonos con esa auga recendente, especialmente a cara e os pés para purificar a pel. Así procuramos non avellentar, sandar e previr enfermidades cutáneas e rexuvenecer a pel.

Curiosidade 7. A máis coñecida en todo o mundo. Apunta aquelo que queiras olvidar nun papel e quéimao.